AGNOSCO VETERIS VESTIGIA FLAMEA: LATINA LINGUA ET CULTURA IN MEA VITA

8 de mar. de 2012

ANTE DIEM OCTAVUM IDUS MARTIAE: FEMINAE DIES

Hoxe, 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional da Muller Traballadora ou Día Internacional da Muller na loita pola súa participación, en pé de igualdade co home, na sociedade e no seu desenvolvemento integral como persoa.
A idea desta celebración xurdiu a finais do século XIX, en plena revolución industrial e durante o auxe do movemento obreiro. A celebración recolle unha loita que xa comezara na antiga Grecia e reflectida por autores, como Aristófanes na súa obra
Lisístrata, cando conta como esta muller comeza unha folga sexual contra os homes para poñer fin a unha guerra, e que tamén se viu reflectida na Revolución francesa cando as mulleres parisinas pedían liberdade, igualdade e fraternidade, marchando cara Versalles para esixir o sufraxio feminino. Pero non foi ata os primeiros anos do século XX cando se comezou a proclamar, dende diferentes organizacións internacionais de esquerda, a celebración dunha xornada específica para a muller e os seus dereitos.
Con todo, para moitas de nós, traballadoras, paradas, casadas, solteiras, viúvas, divorciadas ou separadas, avoas, nais, fillas, irmás, amigas, confidentes, compañeiras...


Pero... cal era o papel da muller no antigo Imperio Romano? Que testemuños nos quedaron e chegaron ata os nosos días dela?
Poñamos un exemplo... Cando un le as inscricións funerarias romanas, o primeiro que sorprende é que, na súa meirande parte, están referidas a homes. Nada ten de estraño que unha sociedade que tiña considerada a muller nun segundo plano, incluso na morte, case se despreocupa dela. É, por iso, moito máis sorprendente e interesante que unha das máis atractivas inscricións funerarias que podemos ler sexa a dunha muller.
Cómpre supoñer que foi unha muller que destacou na súa época, no século II a.C. Debeu, incluso, ser unha muller da nobreza, porque se chamaba
Claudia, que era un nome nobre, fronte ao correspondente plebeo Clodia, e ademais unha esposa exemplar. Di así o seu epitafio:
HOSPES QUOD DEICO PAVLLVM EST; ASTA AC PELLEGE
HEIC EST SEPVLCRVM HAV PVLCRVM PVLCRAI FEMINAE
NOMEN PARENTES NOMINARVNT CLAVDIAM.
SVOM MAREITVM CORDE DEILEXIT SOVO:
GNATOS DUOS CREAVIT: HORVNC ALTERVM
IN TERRA LINQVIT, ALIVM SUB TERRA LOCAT.
SERMONE LEPIDO, TVM AVTEM INCESSV COMMODO,
DOMVM SERVAVIT, LANAM FECIT. DIXI. ABEI
"Camiñante, o que digo é breve. Detente e le:
Aquí está o sepulcro non fermoso dunha muller fermosa.
Seus pais puxéronlle o nome de Claudia.
Amou o seu marido con todo o seu corazón;
Pariu dous fillos: deles, a un
déixao na terra, ao outro baixo a terra.
Foi de amable conversación, e tamén de andar comedido.
Coidou da súa casa, teceu la. Dixen. Marcha."

6 de mar. de 2012

SABER LATÍN...

"Saber latín" no programa "Saca la lengua", emitido por La 2 de RTVE o 08/10/2011, e dedicado á pervivencia do latín na lingua española.

LATINA VESTIGIA... NO CINEMA ACTUAL: "OS IDUS DE MARZO"

No calendario romano os idus de marzo caían o día 15 do mes de Martius. Os idus eran días de bos agoiros que tiñan lugar os días 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os días 13 do resto dos meses.
A data é famosa porque Xulio César foi asasinado nos idus de marzo do ano 44 a.C. Segundo o escritor grego Plutarco, César fora advertido do perigo, pero ignorara a advertencia:
O máis extraordinario aínda é que un vidente lle advertira do grave perigo que o ameazaba nos idus de marzo, e ese día cando ía para o Senado, [Xulio César] chamou ao vidente e rindo díxolle: «Os idus de marzo xa están aquí»; e o vidente contestou compasivamente: «Si, pero aínda non remataron».

Plutarco

 A pesar de que o calendario romano foi substituído polos días da semana modernos arredor do século III, os idus seguiron usándose coloquialmente como referencia durante os seguintes séculos. Shakespeare na súa obra Xulio César en 1599 citábaos ao escribir a famosa frase: «Cóidate dos idus de marzo!»
Esta expresión é o título de Os idus de marzo, película do ano 2011, protagonizada e dirixida por George Clooney.