AGNOSCO VETERIS VESTIGIA FLAMEA: LATINA LINGUA ET CULTURA IN MEA VITA

29 de xan. de 2013

CUESTIÓNS TEÓRICAS - TEMA 6 - 4ºESO

A influencia da cultura romana na sociedade actual esténdese tamén a algo tan cotián como o cómputo do tempo, os nomes dos días da semana, dos meses... Quizais non reparamos nunca niso, afeitos como estamos a un sistema case perfecto, e que só precisa dalgún retoque cada tantos centos ou miles de anos. Pero non sempre foi así.
Os romanos comezaron cun ano de 10 meses e un número indeterminado de días. Logo viñeron os anos de 12 meses e 355 días e, por último, a gran reforma xuliana, que fixou a duración da traslación da Terra arredor do Sol nos 365 días e 6 horas da actualidade.
Para aprender algo máis, ide á "Sección 4ºESO" e atopade as respostas ás cuestións que alí vos aparecen sobre este tema.
E, se despois queredes poñer en práctica o aprendido, picade no seguinte enlace, onde encontraredes actividades relacionadas con este tema.



17 de xan. de 2013

CUESTIÓNS TEÓRICAS - TEMA 16 - 2ºBACHARELATO

Estamos a traballar estes días o tema da lírica latina, un xénero literario que recolle todas as composicións poéticas que expresan emocións e sentimentos.
O nome de LÍRICA deriva da palabra grega "lyros", que era un instrumento musical de corda co que se acompañaban os poetas.
De feito, o xénero naceu ao amparo de danzas e melodías e, a medida que se foi desprendendo destas, volveuse máis complexo e intenso. Así, o baleiro musical compensábase coa perfección no uso das palabras. 

Como exemplo deste xénero, analizaremos composicións dos grandes poetas latinos, entre eles Catulo, Horacio, Ovidio...

Se picades na sección de 2ºBacharelato tedes uns vídeos coa recreación dalgúns textos poéticos deses grandes poetas clásicos.