AGNOSCO VETERIS VESTIGIA FLAMEA: LATINA LINGUA ET CULTURA IN MEA VITA

25 de feb. de 2012

Visita a... LUCUS AUGUSTI

O pasado 14 de febreiro os alumnos de 4ºESO que cursan Latín e Cultura Clásica, xunto cos profesores que imparten esas materias, tiveron a oportunidade de achegarse á cidade de Lugo, a antiga LUCUS AUGUSTI.

A saída consistiu, pola mañá, nun breve percorrido pola Muralla romana...


... e a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, á Casa dos Mosaicos e á Sala de Exposicións Porta Miñá.


Pola tarde, xa despois de xantar, os rapaces puxeron a proba as súas aptitudes investigadoras cun xogo de rastrexo pola cidade, que consistía en superar as seguintes probas das que vos deixamos algunhas pegadas...

O xogo AS CHAVES DE LUCUS AUGUSTI comezou desta maneira:

A ficción que podería inspirar o noso rastrexo... Os suevos achéganse a Lucus Augusti, as súas portas están abertas e desta maneira a defensa será imposible.
Cada equipo é un "contubernium", que terá como misión acadar as dez chaves que pechan as dez portas da cidade.
Para conseguirdes as chaves deberedes superar as distintas probas que se vos presentan a continuación. Cando rematedes cada un das prob
as, debedes quitar unha foto e levala ao posto de mando (situado na Praza do Campo), onde se vos dará a chave conseguida.
O Imperio, a súa supervivencia está nas vosas mans... Ánimo, soldados!
Para facilitarvos o labor, tedes convosco un mapa onde están marcadas as ubicacións das portas da gran muralla.



PROBA I: Porta de Santiago

Nunha das follas que levades debedes poñer o que medía orixinalmente de ancho e o que mide de alto a porta. Despois, entre todos os membros do grupo debedes facer unha construción humana e dar a metade do alto da porta. Un de vós ten que quitar unha foto na que se vexa a construción e a resposta.

PROBA II: Porta Miñá

Nunha das follas que levades debedes poñer qué tipo de arco e qué tipo de bóveda tiña a porta. Ademais, debedes pescudar qué outro nome recibe a porta e buscar unha persoa con ese nome que queira quitar unha foto con vós.

PROBA III: Porta Bispo Odoario

Nunha das follas que levades debedes poñer en qué ano se abriu esta porta e cómo se chamaba o alcalde. Dado que hoxe é o Día dos Namorados, tedes que conseguir que unha parella se abrace ao lado da porta e quitarlles unha foto.

PROBA IV: Porta Nova

Esta porta existía na época romana, era a saída da cidade cara Brigantium (Betanzos). En honor á vosa profesora de Latín debedes cos vosos corpos e coa vosa roupa "escribir" o seu nome sobre a muralla. Quitarlle unha foto. Despois, debedes entrar na porta e subir polas escaleiras á muralla. Un de vós debe quitarlle unha foto ao grupo dende abaixo.

PROBA V: Porta de San Fernando

Nunha das follas que levades debedes poñer qué pasaba na súa orixe romana polo lugar onde agora está a porta e quitarvos unha foto fronte á porta coa folla da resposta.

PROBA VI: Porta Falsa

Esta é unha das antigas portas romanas da Muralla, aínda que moi modificada. Responde ao tipo de portas que os romanos chamaban "posterulae", de uso exclusivamente militar, que se abrían asimetricamente no lenzo existente entre dúas torres. A saída era unha trincheira escavada no terreo. Para pasar a proba debedes conseguir que alguén vos quite unha foto e todos tedes que estar nas escaleiras do interior da porta a cabaliño e por parellas.

PROBA VII: Porta da Estación

Debedes quitarvos unha foto cruzando a rúa facendo un "tren".

PROBA VIII: Porta de San Pedro

Nunha das follas que levades debedes apuntar o nome que na Idade Media recibía a porta e conseguir quitarvos unha foto con, polo menos, sete persoas que pasen por alí.

PROBA IX: Porta Bispo Izquierdo

Nunha das follas que levades debedes apuntar os tres nomes que pode recibir esta porta e cánto mide a circunferencia da muralla.

PROBA X: Porta Bispo Aguirre

Nunha das follas que levades debedes poñer o ano da fundación de Lugo, quén a fundou e quén era o emperador nesa época. Debedes quitarvos unha foto e despois teredes que ir á "pata coxa" (ten que haber testemuño gráfico) ata a praza da catedral de Santa María, onde de novo vos quitaredes outra foto. Ao chegardes ao posto de control e mando, farásevos unha pregunta sobre a catedral.

16 de dec. de 2011

FELIX DIES CHRISTI NATALIS!

Os alumnos de Latín de 4ºESO enchen os calcetíns das festas de Nadal cos mellores desexos para todos vós.






7 de dec. de 2011

ROMA ISTIC EST...

Aos alumnos de Bacharelato:

Xa comezou a conta atrás para vivirdes unha experiencia marabillosa... Quedan poucos días e moitos de vós aterraredes na terra que foi o berce da civilización occidental e de gran parte do noso legado cultural.
Para que vaiades abrindo o apetito, aquí vos deixo algunhas imaxes das miñas viaxes á "Cidade Eterna" que paga a pena ver in situ. Si! En plural... as miñas viaxes! Porque, como di a vox populi, quen queira voltar a Roma que tire unha moeda á Fontana di Trevi e pida volver... De seguro, que se vos cumprirá o desexo.


PANTEÓN DE AGRIPA



TEMPLO DE VESTA



FORO




ARCO DE CONSTANTINO


CIRCO


TERMAS DE CARACALLA


CASTELO DE SANT'ANGELO


PRAZA DE SAN PEDRO NO VATICANO




COLISEO



ROMA ESTÁ AÍ... AGARDÁNDOVOS,
GOZADE DA CIDADE ETERNA!





ROMA ISTIC EST...

3 de dec. de 2011

FELIX FAUSTUS FORTUNATUSQUE SIT CHRISTI NATALIS DIES!

Chegou decembro... e con decembro chega o frío, a escuridade... pero tamén chega o NADAL...
Hai uns anos lin un texto que lle acae moi ben a este tempo de reflexión e de recollemento. Gozade do sentido do Nadal de quen así escribiu:



O Nadal é tempo para amar, soñar, compartir, realizar os nosos desexos e ilusións. Con canta ledicia agardamos ese día para estar xuntos coa familia, cos amigos, cos seres queridos, con quen rifamos sobre o bo e o malo, o doce e o amargo, o fácil e o difícil que o pasamos durante un ano máis que xa está a marchar.
O Nadal é un espazo vital para o ser humano, xa que nestas datas o noso lado sensible cobra forza no noso interior e fainos buscar a paz espiritual. Medran en nós momentos de tenrura, momentos de ofrecer apertas, de bicar, de dar, de querer recibir...
O Nadal é reconciliación, é perdón, é dicirlle ao irmán, ao amigo, ao compañeiro, ao noivo, ao veciño, ao marido... (e a todos os que falten, tamén en feminino), que como ser humano fallei, e pedir perdón e ofrecerlle un "hoxe quero ser mellor, comezar por vencer o meu orgullo, valorarme e valorarte a ti".
O Nadal é solidariedade, leva consigo un acto humanitario, oportuno, o de poder levarlles aos nosos irmáns enfermos, eivados, desahuciados, aos que levan unha morte en vida e cos que a vida non foi tan amable, un pouco de alento, afecto, esperanza, motivación para loitar pola vida e desa maneira coñecer xuntos o verdadeiro sentido do Nadal.
O Nadal é estar en paz con Deus, é poder dicirlle "Grazas!, grazas por outro ano, por outro Nadal, pola unidade, pola humildade, pola fortaleza durante este ano de loita que remata. Grazar por facer deste Nadal o mellor e máis especial. Grazas por nos seguir amando, polo entusiasmo de continuar a carreira da vida e de comezar outro novo ano".


BO NADAL E ANINOVO 2012 !!!

ADESTE FIDELES




Adeste, fideles, laeti, triumphantes,
Venite, venite in Bethlehem:
Natum videte Regem Angelorum:

Venite adoremus, venite adoremus
Venite adoremus Dominum.

En grege relicto, humiles ad cunas,
vocatis pastores approperant.
Et nos ovanti gradu festinemus.

Venite adoremus, venite adoremus
Venite adoremus Dominum.

Aeterni Parentis splendorem aeternum,
Velatum sub carne videbimus
Delum Infantem, pannis involutum.

Venite adoremus, venite adoremus
Venite adoremus Dominum.

Pro nobis egenum et foeno cubamtem,
Piis foveamus amplexibus:
Sic nos amantem quis nos redamaret?

Venite adoremus, venite adoremus
Venite adoremus Dominum.


Tradución:

Vide fieis, gozosos, triunfantes;
vide, vide a Belén: mirade,
xa naceu o Rei dos anxos.
Vide e adorémolo, vide e adorémolo!

Vede como, deixando os seus rabaños,
uns humildes pastores se achegan.
Tamén nós celebremos gozosos a súa chegada,
vide e adorémolo!

Ao resplandor eterno do eterno Pai
agochado baixo o veo da carne
veremos a un Deus neno en cueiros envolto.
Vide e adorémolo!

Por nós fíxose pobre
e descansa sobre pallas;
démoslle cariñosos abrazos.
A quen así nos amou, quen non o amará?
Vide e adorémolo!

15 de nov. de 2011

BREVE HISTORIA DE ROMA

Para acompañar as explicacións teóricas e os exercicios realizados na aula, aquí vos deixo un vídeo sobre a fundación e a historia de Roma a longo dos seus tres grandes períodos (Monarquía, República e Imperio): historia, expansión, urbanismo, arte, ocio...

2 de nov. de 2011

NOVEMBER MMXI - SECUNDUM EXERCITIUM

O LATÍN... NA MÚSICA ACTUAL

Avete, discipuli!

Propóñovos unha nova actividade...


Debedes localizar unha canción en latín dentro do panorama musical moderno ou actual. Se podedes conxugar a letra en lingua latina (incluso a súa tradución ao galego, castelán, inglés...) con imaxes suxerentes, información sobre o solista ou grupo que a canta e o que nos quere dicir... moito mellor!

Ánimo! Tedes todo un mundo na rede para pescudar! E non vale repetir a canción!


Eu, pola miña parte, xa vos deixo aquí unha:
TERRA FIDELIS, do grupo SOLYMA, formado por solistas masculinos cun coro de fondo (entre eles, algúns nenos).

A súa música étnica ten a capacidade de trasladarnos a Oriente en pouco tempo. A maior parte das súas letras escríbenas en varios idiomas, entre eles: latín, hebreo e turco. Eríxense actualmente como un dos estilos máis místicos da música universal, combinando coros con música moderna.

Velaquí o seu vídeoclip...




No blog co que traballamos o curso pasado na materia de latín, xa me dediquei a falar deste tema da música en latín. Daquela, atopara un grupo chamado LESIËM, un proxecto musical alemán creado en 1999 que combina elementos do rock, pop, música electrónica, new age, canto gregoriano, ... e influencias místicas e espirituais.

Déixovos aquí este vídeo coa composición FUNDAMENTUM, incluída no álbum "Mystic, Spirit, Voices", na que nos cantan a fundación de Roma, tema xa tratado neste primeiro trimestre do curso.