AGNOSCO VETERIS VESTIGIA FLAMEA: LATINA LINGUA ET CULTURA IN MEA VITA

25 de feb. de 2012

Visita a... LUCUS AUGUSTI

O pasado 14 de febreiro os alumnos de 4ºESO que cursan Latín e Cultura Clásica, xunto cos profesores que imparten esas materias, tiveron a oportunidade de achegarse á cidade de Lugo, a antiga LUCUS AUGUSTI.

A saída consistiu, pola mañá, nun breve percorrido pola Muralla romana...


... e a visita ao Centro de Interpretación da Muralla, á Casa dos Mosaicos e á Sala de Exposicións Porta Miñá.


Pola tarde, xa despois de xantar, os rapaces puxeron a proba as súas aptitudes investigadoras cun xogo de rastrexo pola cidade, que consistía en superar as seguintes probas das que vos deixamos algunhas pegadas...

O xogo AS CHAVES DE LUCUS AUGUSTI comezou desta maneira:

A ficción que podería inspirar o noso rastrexo... Os suevos achéganse a Lucus Augusti, as súas portas están abertas e desta maneira a defensa será imposible.
Cada equipo é un "contubernium", que terá como misión acadar as dez chaves que pechan as dez portas da cidade.
Para conseguirdes as chaves deberedes superar as distintas probas que se vos presentan a continuación. Cando rematedes cada un das prob
as, debedes quitar unha foto e levala ao posto de mando (situado na Praza do Campo), onde se vos dará a chave conseguida.
O Imperio, a súa supervivencia está nas vosas mans... Ánimo, soldados!
Para facilitarvos o labor, tedes convosco un mapa onde están marcadas as ubicacións das portas da gran muralla.



PROBA I: Porta de Santiago

Nunha das follas que levades debedes poñer o que medía orixinalmente de ancho e o que mide de alto a porta. Despois, entre todos os membros do grupo debedes facer unha construción humana e dar a metade do alto da porta. Un de vós ten que quitar unha foto na que se vexa a construción e a resposta.

PROBA II: Porta Miñá

Nunha das follas que levades debedes poñer qué tipo de arco e qué tipo de bóveda tiña a porta. Ademais, debedes pescudar qué outro nome recibe a porta e buscar unha persoa con ese nome que queira quitar unha foto con vós.

PROBA III: Porta Bispo Odoario

Nunha das follas que levades debedes poñer en qué ano se abriu esta porta e cómo se chamaba o alcalde. Dado que hoxe é o Día dos Namorados, tedes que conseguir que unha parella se abrace ao lado da porta e quitarlles unha foto.

PROBA IV: Porta Nova

Esta porta existía na época romana, era a saída da cidade cara Brigantium (Betanzos). En honor á vosa profesora de Latín debedes cos vosos corpos e coa vosa roupa "escribir" o seu nome sobre a muralla. Quitarlle unha foto. Despois, debedes entrar na porta e subir polas escaleiras á muralla. Un de vós debe quitarlle unha foto ao grupo dende abaixo.

PROBA V: Porta de San Fernando

Nunha das follas que levades debedes poñer qué pasaba na súa orixe romana polo lugar onde agora está a porta e quitarvos unha foto fronte á porta coa folla da resposta.

PROBA VI: Porta Falsa

Esta é unha das antigas portas romanas da Muralla, aínda que moi modificada. Responde ao tipo de portas que os romanos chamaban "posterulae", de uso exclusivamente militar, que se abrían asimetricamente no lenzo existente entre dúas torres. A saída era unha trincheira escavada no terreo. Para pasar a proba debedes conseguir que alguén vos quite unha foto e todos tedes que estar nas escaleiras do interior da porta a cabaliño e por parellas.

PROBA VII: Porta da Estación

Debedes quitarvos unha foto cruzando a rúa facendo un "tren".

PROBA VIII: Porta de San Pedro

Nunha das follas que levades debedes apuntar o nome que na Idade Media recibía a porta e conseguir quitarvos unha foto con, polo menos, sete persoas que pasen por alí.

PROBA IX: Porta Bispo Izquierdo

Nunha das follas que levades debedes apuntar os tres nomes que pode recibir esta porta e cánto mide a circunferencia da muralla.

PROBA X: Porta Bispo Aguirre

Nunha das follas que levades debedes poñer o ano da fundación de Lugo, quén a fundou e quén era o emperador nesa época. Debedes quitarvos unha foto e despois teredes que ir á "pata coxa" (ten que haber testemuño gráfico) ata a praza da catedral de Santa María, onde de novo vos quitaredes outra foto. Ao chegardes ao posto de control e mando, farásevos unha pregunta sobre a catedral.