AGNOSCO VETERIS VESTIGIA FLAMEA: LATINA LINGUA ET CULTURA IN MEA VITA

Series

ESPARTACO: SANGUE E AREA

 

A serie narra a vida do célebre Espartaco, dende a súa captura a mans dos romanos na rexión de Tracia, pasando pola súa vida na escola de gladiadores de Batiatus, ata a súa rebelión e fuxida xunto aos seus compañeiros gladiadores despois de gañar a súa confianza.
A historia narra todas as peripecias de Espartaco dentro do ludus, a súa convivencia co resto de gladiadores, como os romanos tratan aos propios gladiadores e as vivencias de Batiatus, o lanista, e os seus intentos de ascender socialmente, utilizando sen escrúpulos aos gladiadores.




HISPANIA

 

A serie é un drama histórico que presenta o período no que os lusitanos, con Viriato á cabeza, se enfrontan aos romanos encabezados por Galba.
A serie tamén se achega ás vidas e fortunas dos personaxes do contorno de Viriato como Sandro, Darío, Paulo e Héctor que, sen seren guerreiros, se converten niso co obxectivo de liberar Hispania do xugo romano, pero tamén de salvar as súas mulleres, vingar a morte dos seus fillos ou recuperar a terra onde medraron. 





ROMA

 

A serie é un drama que representa o período histórico que rodea a violenta transformación da República romana no Imperio romano; un cambio causado por unha guerra civil entre populistas (populares) e conservadores (optimates), a crise das institucións políticas e as actuacións de homes e mulleres moi ambiciosos.
Retratando as vidas e feitos dos ricos, os poderosos e homes historicamente máis significativos, a serie tamén se achega ás vidas, fortunas, familias e coñecidos de dous homes comúns: Lucio Voreno e Tito Pullo, dous lexionarios romanos que son mencionados historicamente por Xulio César nos Comentarii de Bello Gallico. A vida destes dous soldados aparece novelada para a serie con intención de que sirva para testemuñar e para influír en moitos dos acontecementos históricos presentados nela. A súa versión na serie non se corresponde coa realidade (en concreto, terían sido dous centurións da IX Lexión, e na serie pertencen á XIII Lexión), así Lucio Voreno represéntase co rango de centurión que paulatinamente irá escalando por influencia de Marco Antonio e César ata chegar incluso a senador e maxistrado da Aventina, mentres Pullo aparece como simple lexionario que loita sen éxito por reintegrarse á vida civil.
No desenvolvemento da historia os dous soldados asumirán papeis cruciais, xa que os guionistas os sitúan como personaxes moi próximos primeiro a César e despois a Octavio e Marco Antonio. Por iso participan en trascendentais misións (a recuperación do estandarte de César, o rescate de Cleopatra, a protección persoal de César, o asasinato de Cicerón, entre outros). Estes dous soldados chegan a cambiar de bando político e incluso a encontrarse en bandos rivais (Voreno con Marco Antonio e Pullo con Octavio), o que non afectará á súa amizade e aos esforzos recíprocos por axudarse. Pullo é mostrado como un rudo militar experto no combate e cuxa debilidade son as mulleres pero con escaso raciocinio, en tanto que Voreno é un personaxe máis cerebral e apegado á súa familia, incluso con talento para a administración pública, pero afectado despois polo adulterio da súa esposa e a perda temporal dos seus fillos, que acabarán por desprezalo.
A primeira tempada comeza no 52 a.C. cando o xeneral romano Caio Xulio César derrota ao seu inimigo Vercingetorix, caudillo da resistencia celta, na batalla de Alesia. O seu éxito desequilibra a batalla do poder contra o cónsul Pompeio o Grande, que representa a loita entre o pobo -que apoia a César- e os patricios, que apoian a Pompeio. Curiosamente, César era de ascendencia patricia e Pompeio de ascendencia plebeia aínda que moi acaudalada. 
A serie tratará desta loita de poderes, na que César intenta refundar a República nun Imperio. Descríbese o período de tempo a partir do final da Guerra das Galias (52 a.C.) ata o asasinato de César o 15 de marzo, do 44 a.C. (o famoso idus de marzo). Tras o telón destes catastróficos acontecementos, tamén se amosan os primeiros anos do xoven Octavio, destinado co tempo a se converter no primeiro emperador de Roma: Augusto.
A segunda e última tempada reflicte a loita polo poder entre Octavio e Marco Antonio tras o asasinato de César, atravesando o período que transcorre dende a morte de César ata a vitoria final de Octavio sobre Marco Antonio en Actium no 31 a.C., o suicidio deste último e o nomeamento de Octavio Augusto como Emperador.




YO, CLAUDIO


Trátase dunha miniserie onde se amosa a vida da Dinastía Xulio-Claudia dende o primeiro principado de Octavio Augusto ata os últimos días de Claudio.
Claudio é considerado como un inepto pola súa familia, polos seus coñecidos e por Roma en xeral. É medio xordo, tatexo e coxo. Nos seus últimos anos como emperador comeza a sospeitar que a súa esposa o está envelenando para que o seu fillo o suceda e, polo tanto, acábaselle o tempo para contar a historia da súa vida: a súa intención é narrar a verdade sobre todo o que viu en Roma dende o reinado de Augusto.




IMPERIUM


A serie narra a historia dunha familia á que intentan afundir, pero lonxe diso acaban creando unha gran guerra de familias, unha guerra para facerse co poder de Roma. Spin-off da serie Hispania.
Galba é un home poderoso e respectado en Roma. Conta co apoio dos senadores máis importantes, encabezados polo senador Quinto... e por iso lle foi encargada unha última campaña: rematar coa resistencia de Numancia. Galba parte cara Numancia convencido da súa vitoria e de que iso lle outorgará, á súa volta, o recoñecemento definitivo. Pero Galba regresa da campaña derrotado, humillado... Os hispanos acabaron co seu exército e Galba perdeu a súa honra e, sobre todo, o seu poder en Roma. E non foi casual; alguén o traizoou. Non está disposto a se render. A súa familia, os Sulpicio, han de volver a ocupar o lugar que merecen en Roma, e para iso Galba está disposto a facer calquera cousa... Incluso a comezar unha nova guerra contra aqueles que o fixeron caer. Non sabe que un erro do seu pasado o persegue. Un erro que ten nome de muller... Cora. Unha muller que, por salvar a seu pai, está disposta a pactar co seu maior inimigo, Galba, un home empeñado en recuperar a gloria perdida e cabeza dunha familia que ansía controlar toda Roma.